Category Archives: Educación

As nosas inquedanzas neste eido e a nosa participación na rede de educación galega en transición

Repoboación de Ernes coa “Libélula”

Os últimos habitantes de ERNES marcharon no 1973 (casa Diego Blanco), aparte de José e Carmen, que quedaron (casa Xerín). Novas poboadoras chegaron no 1986: Roberto o uruguayo en casa Lucas primeiro e logo Elma e Roberto en casa Pérez. Foi Pepe Ferreiro de Grandas o que lles axudou a soldar unha plataforma cuns bidóns para cruzar o encoro de Salime. Esta balsa chamábase a Libélula!

A escola da aldea de Ernes (a uns 4,5 km de Vilar) foi construída a principios do século XX con cartos enviados dende Arxentina. Funcionou ata 1967, ano no que todas marcharon para a Terra Chá.

Ao chegar xente nova chegaron tamén as crianzas e Flor tivo a iniciativa de comezar cunha xuntanza semanal de nenas da zona. O espazo ideal era a escola de Ernes e volveuse abrir! Isto foi a principios dos 90, nada máis chegar nós. Chegamos á aldea sen saber onde podiamos vivir nin de qué vivir, pero a vena aventureira podía máis e conseguimos a casa Canceleiro. Tamén grazas á veciñanza que nos animou e axudou… pero, de qué vivir? Aínda que daquela non precisabamos moito, elaborar un proxecto implica inversión! En 1994 naceu Taoya e xa sentimos a necesidade dunha escola na aldea; medrara a nova poboación de Ernes, eramos 6 parellas e 4 delas con crianzas. Nós os dous comezamos a formarnos: Gerrit estudou maxisterio e seguiu con psicopedagoxía en Santiago e a min invitáronme xunto con Tao a ir traballar no Pelouro (proxecto singular de Caldelas de Tui). Seguiamos a manter o contacto con Ernes e a ilusión de vivir alí; xurdiu a idea de facer un miniPelouro.

Co lema “POR UNHA ESCOLA RURAL VIVA”, celebramos unha festa na CASA ENCANTADA de Santiago para recadar fondos e traballamos durante dous festivais nun chiringuito vendendo falafel en Ortigueira. Acondicionouse a escola en dous campos de traballo no 97-98, através dunha organización international de voluntarios (S.C.I.).

Aparte das dificultades de saír da aldea (a única vía era en barco a través do encoro), queriamos outro modelo de escola e, sobre todo, gustábanos integrar máis ás crianzas nas nosas vidas. Conseguimos manter aberta unha dinámica de escola cun horario de 10h a 14h todolos días durante dous anos. Participaban 7 crianzas. Había máis pequenos/as no val, pero non conseguimos que se uniran ao noso proxecto. As vías de comunicación entre as aldeas eran difíciles de transitar: a cabalo Ernes quedaba a 2 horas de Vilauxín e 1 hora de Foxo e Vilar. Despois de dous anos comezou a marchar moita xente; a escola era unha necesidade, pero tamén a economía, a vida social… Faltaban moitas cousas por facer, non había aínda moita estructura na que basearse.

A frustración foi bastante grande. Gerrit e máis eu reciclámonos cunha incorporación en agraria cun proxecto de vacas, ovellas e kiwis!

IMG-20160511-WA0000

Taoya comezou ir á escola de Negueira con case 6 anos, xunto con Bastian, Jani e Nina. Faciamos quendas para baixalos e subilos e que cruzaran o encoro en lancha. Baixando non se tardaba moito (15 min. baixar e 15 min. en lancha), pero para subir había que levar merenda para facer unha parada a medio camiño. Na escola de Negueira seguín participando cunha actividade semanal elaborando pan ou bolachas. A escola de Negueira acabou pechando no 2011.

Polo de agora volve haber outra vez máis xente pola zona e tamén crianzas. De aí a necesidade dun espazo para elas. Esta vez hai un proxecto en Vilar. Pedimos apoio!

Moitos saúdos de LUZ, 10 de maio 2016

A REGT bota a andar

cartaz ernes educación 2015

Resúmo do Encontro da Rede Educación Galega en transición que se celebrou o 11, 12 e 13 de setembro de 2015 en Ernes.

Ao longo dos tres días debatíronse os temas propostos no programa inicial:

O sábado comezamos coa presentación das persoas e proxectos presentes de Galicia e outras comunidades, elaborando un mapa de iniciativas.

A tarde do sábado fixemos unha visita a Vilar, onde se está a arranxar a antiga escola.

De seguido houbo un intenso debate no que se expuxeron as necesidades, expectativas e dificultades con respecto á rede. Repartímonos en dous grupos de traballo sobre o “qué” e o “cómo” nos que xurdiron diferentes posturas e experiencias con respecto á rede chegando a un consenso con respecto as cuestións prantexadas.

O domingo o dedicamos á recollida de conclusións e acordos:

A educación como responsabilidade comunitaria de familias, crianzas, persoas sen crianzas, acompañantes,…

A rede como espazo de debate, reflexión, formación, acción e apoio mutuo de iniciativas persoais e colectivas interesadas na aprendizaxe baseada na confianza, a autoregulación, e o respecto as necesidades das persoas :

  • Cada ser é único e debe ser respectada a diversidade, atendendo a individualidade e aos procesos grupais

  • A necesidade de ser acollidas e acompañadas nas vivencias emocionais

  • A necesidade de sentirnos protexidas e amadas

Superando as diferencias que habitualmente establecemos entre os distintos ámbitos educativos (pública, autoxestionada, privada, ámbito familiar) decidimos constituir eidos de traballo baseados nas necesidades sexa cal sexa o ambiente no que se desenvolva:

  • Preparación de ambientes

  • Rol da persoa adulta acompañante

  • Experiencias de aprendizaxe

  • Legalidade

  • Formación

Tal e como se acordou en Pontevedra se forman grupos por proximidade xeográfica que irán traballando nos aspectos que lles resulte de interés.

Acordouse realizar dous encontros ao ano, o seguinte será do 24 ao 27 de marzo en Cangas de Morrazo, organizado polas persoas que participan no Bosque de Beni e as persoas que queiran colaborar.

Acordouse tamén facer un blog de acceso para as persoas da rede que nos permita estruturar de xeito sinxelo a información que imos xerando.

Fixámonos un prazo de dous meses para ter listo este blog. Por agora poderase contactar con esta comisión no enderezo electrónico educaciongalegaentransicion@autistici.org.DSC05121 DSC05117