Category Archives: Movédesvos

O que di Fernando de Marcelín…

Di Raúl Zibechi que se fai comunidade con actos e traballos comunitarios. O colectivo de persoas implicadas en sacar adiante a Escoliña de Vilar está facendo xustamente iso. O seu pasar da teoría á práctica sinto que ten un potencial inmenso que ilusiona e empuxa a colaborar con el@s a moitas persoas que non vivimos no val de Negueira. Alí estanse unindo para pensar, sentir e decidir en colectivo como solventar as necesidades, neste caso educativas, mediante a cooperación da propia xente, autoxestión que nos fai un pouco máis libres fronte ó estado, porque a verdadeira liberdade só se pode construír colectivamente. Non é un camiño doado, xa que non é un lugar transitado senón un camiño que hai que construír paso a paso, tropezando, equivocándonos, aprendendo dos nosos erros, caendo e levantándonos xunt@s.

Quizáis o maior reto será o das persoas adultas socializadas como estamos nun entorno individualista que nos atravesa ata o máis fondo, ser capaces de manexar os sentimentos, potenciar a capacidade de diálogo, de comprensión da outr@, de chegar a acordos para transitar dende unha identidade baseada no EU a outra baseada no NÓS, algo natural e cotián nos pobos orixinarios (como as comunidades zapatistas) require en nós un traballo interno persoal potente que acompañe ó proceso de construcción colectiva.

Nese senso o proxecto da Escoliña de Vilar ademais de chegar a ser escola de crianzas xa está sendo escola de adult@s.

Por iso non é importante non ter definido previamente con moito detalle cal vai ser a liña pedagóxica, porque se vai ir construíndo entre tod@s, respondendo ás necesidades reais e coido que tan importante é respectar os ritmos individuais das crianzas como afacelas a colaborar entre si e asumir as súas propias decisións colectivas. O xeito de aprender a construír en colectivo é facéndoo dende nen@s, vivíndoo con naturalidade.

Un proverbio africano di que para educar a un nen@ fai falla unha tribu enteira, unha comunidade. Os que soñamos con procesos de autoxestión comunitaria das nosas necesidades percibimos con alegría que ó redor do proxecto da Escoliña de Vilar se está comezando a camiñar o camiño da comunidade.