Historia

DSC_7504O concello de Negueira de Muñiz sitúase no Val do río Navia, illado xeográficamente por mor da súa ubicación no mapa e da ausencia de vías de comunicación.

Confórmano 17 vilas que se atopan a ámbalas dúas ourelas do encoro de Salime, que anegou parte das vilas nos anos 50, e deixou a ourela oriental sen as canles de comunicación que posuia de vello. A súa altitude vai dende os 250m ata os 1300m do pico máis alto do concello, o Busbeirón.

As riquezas propias deste val eran e son moitas, nun entorno natural privilexiado, cunha gran riqueza patrimonial entorno á alimentación (horreos, cortíns, curripas…) e á ordenación do territorio (muros de separación entre leiras, brañas…). O clima permite a este val situado na alta montaña lucense gozar de amplia tradición de horta, froita, viño, castaña… a súa altitude e a floración escalonada convírteno nun paraíso melífero.

Na actualidade é o concello de Galicia con menos habitantes, no último censo 214, ainda que nos anos 50 superara os 1000.

Ademáis da emigración a América e a posterior guerra civil, o illamento que supuxo a construcción do encoro fixo inviables as economías das aldeas, e @s veciñ@s víronse na obriga de deixar as súas casas, moit@s del@s foran agora ás colonias do Arneiro e o Pumar na Terra Chá lucense.

Tralas décadas de despoboamento, a finais dos 70, gracias a unha persoa que participou do maqui durante a posguerra, un grupo de rapac@s de ideas libertarias viñeron a asentarse neste val para vivir en comunidade; isto supuxo a recuperación das vilas e o comezo dunha presenza que perdura hoxe en día.

Dende aquela ata agora xa pasaron 40 anos, e a vida nesta ourela do Navia, como no resto, tivo unha evolución e transformación de seu. Houbo intres nos que a poboación aumentou ata o punto que chegou a existir unha escola e outros nos que prácticamente ficaron valeiras. Por sorte agora asistimos a un crecemento na poboación, traendo consigo a motivación de participares de proxectos comunitarios e de medrar na natureza.

O concello de Negueira de Muñiz, que existe como tal dende o 1929, leva o seu nome en referencia a Jose Antonio Muñiz Alvarez, un retornado das migracións a América, onde cultivou unha conciencia de pobo galego e a necesidade da cultura e a lingua como bases para o desenvolvemento do seu concello.

Promoveu a autonomía e a xestión xunto @s súas veciñ@s na construcción da escola de Vilar de Ernes, escola que, aínda que se chegou a construir, nunca se puxo en funcionamento.

Recuperando as inquedanzas de Muñiz e as nosas propias, propoñémonos hoxe a rehabilitación deste edificio. A intención é procurar un espacio educativo e social.